26/09/2026
Hoxe participamos no encontro “O biogás na Galiza: un debate necesario”, para falar dun asunto que tamén nos afecta directamente en Cerceda.
Desde o BNG témolo claro. O problema non é o biogás, senón o modelo que se desenvolva.
O biogás pode ser unha oportunidade para aproveitar os excedentes de xurros, producir enerxía e contribuír á sustentabilidade das explotacións. Pero non queremos macroplantas industriais que utilicen os recursos do rural como materia prima barata, concentren os beneficios en grandes empresas e deixen no territorio o tráfico, os cheiros e os impactos ambientais.
Defendemos un modelo descentralizado e de proximidade, preferentemente con plantas de escala comarcal, próximas ás explotacións e adaptadas á realidade de cada territorio. Plantas que poidan ser promovidas por cooperativas, agrupacións de gandeiros ou iniciativas con participación local, para que o sector gandeiro e as comunidades locais tamén participen e se beneficien do valor xerado.
Non queremos plantas sobredimensionadas que necesiten buscar residuos cada vez máis lonxe para manter a súa actividade. O territorio non pode converterse nun simple fornecedor de materia prima mentres os beneficios marchan fóra.
Por iso somos críticos coa planta proxectada na Laracha. Non estamos en contra do biogás, pero ese non é o modelo que podemos defender. En Carballo, onde goberna o BNG, o Concello presentou alegacións contra este proxecto.
E en Cerceda tamén queremos deixar clara a nosa posición. O alcalde manifestou que aceptaría unha planta de biogás se está situada en solo industrial. Para nós iso non é suficiente. Estar nun polígono industrial non pode ser un cheque en branco.
Antes de apoiar unha planta queremos saber que dimensión terá, que residuos tratará, de onde procederán, que tráfico xerará, onde irá o dixestato, que garantías ambientais existen, quen promove o proxecto e, sobre todo, que beneficio real deixa no sector gandeiro, na veciñanza e no territorio.
Biogás si, pero non de calquera xeito. Proximidade, escala axeitada, participación local, control público, garantías ambientais e valor para o territorio.