12/05/2026
📚✨ A Biblioteca Municipal de Xove inicia unha nova etapa coa posta en marcha, por primeira vez dende a súa apertura no ano 1990, do seu club de lectura “Cantís de Papel”. 🌊📖
Inspirado na paisaxe dos cantís de Morás, este novo proxecto cultural nace coa idea de que, igual que o mar vai moldeando a pedra coa súa forza e constancia, a lectura tamén deixa pegada nas persoas, abrindo novas emocións, pensamentos e maneiras de ver o mundo. 💙
“Cantís de Papel” xa reúne a máis dunha vintena de veciños e veciñas unidos pola paixón polos libros, creando un espazo aberto de encontro, convivencia e intercambio cultural entre persoas de diferentes idades. 👵👦📚
As reunións celebraranse o último venres de cada mes, compartindo reflexións, recomendacións e opinións arredor da lectura escollida. 🗣️📘
Dende a Biblioteca Municipal de Xove queremos agradecer a fantástica acollida desta iniciativa, que nace coa ilusión de seguir fomentando a cultura, a participación e o amor pola lectura no noso concello. ✨📖