23/03/2024
Desde Adiante Melide queremos deixar clara a nosa oposición ao megaproxecto de construción dunha fábrica de celulosa a escasos 5km do noso concello, como pretenden Altri e a Xunta de Galicia.
Fai moitos meses que sabemos que Palas de Rei era o lugar escollido para instalar esta nova industria. Os primeiros informes que chegaron falaban dunha “industria verde” dedicada á produción de fibra vexetal (lyocell) que daría traballo a 2 500 persoas. Esta, ademais, sería financiada en parte polos famosos fondos Next Generation da Unión Europea.
Recordemos que a finalidade dos mesmos é “una recuperación SOSTENIBLE y resiliente, al tiempo que se promueven las prioridades ECOLÓGICAS y digitales de la UE”.
É dicir, a cousa non pintaba mal.
Supostamente a nosa zona ía pasar a ser unha referencia da industrialización verde ao tempo que se conseguían moitos postos de traballo. Pero fai uns días chegou o verdadeiro problema. O que antes eran 2500 postos de traballo, agora serían menos de 500; o que antes era unha industria verde, agora pasaba a ser un monstro que consumirá 1.2 millóns de toneladas de eucalipto ao ano e 46.000 metros cúbicos de auga diarios (máis que toda a provincia de Lugo xunta); o que antes non ía supoñer problemas para os propietarios de terreos, agora Alfonso Rueda di que non descarta que sexan expropiados, etc. Para que todo o mundo o sepa 𝗨𝗡 𝗘𝗡𝗚𝗔𝗡𝗢. Unha
mentira da que hoxe sabemos toda a verdade.
Non nos sorprende que os que levan anos marxinando a Melide, poñendo multas inxustas, atrasando obras, etc. Agora empreguen a mentira para sacar adiante os seus proxectos, pero os representantes políticos de Melide que estean a favor da construción dun Ence multiplicado por dez ao lado do noso concello, que saían a explicar os motivos.
En Adiante Melide temos un compromiso total co traballo de calidade e a industria. Apoiamos ao tecido empresarial e aprobamos a ampliación de novo solo industrial, pero non queremos unha macrocelulosa que poña en perigo o noso modo de vida.
Imos protexer os intereses dos nosos veciñ@s e o noso territorio. Faremos todas as alegacións que sexan necesarias e defenderemos Melide ata o final.