24/08/2026
OS 200 ANOS DE MARCIAL DEL ADALID 🎼
Este ano cúmprense 200 anos do nacemento de Marcial del Adalid, un dos creadores máis relevantes da música galega e española do seu tempo.
Pianista e compositor coruñés, desenvolveu boa parte da súa obra para piano e voz con acompañamento pianístico, seguindo a estética do Romanticismo centroeuropeo. Tamén cultivou a música de cámara, a orquestral e a escénica, entre outros xéneros.
Pero hai algo que fai especialmente singular a súa figura: foi pioneiro na procura dun son propio da galeguidade desde a música académica, en pleno Rexurdimento.
En 1860 casou coa escritora coruñesa F***y Garrido, coa que compartiu unha intensa vida cultural, tanto en Galicia como no resto de España e máis alá das nosas fronteiras.
A partir de poemas da súa dona, compuxo algunhas das súas cancións líricas galegas, nas que levou por primeira vez tradicións, costumes e historia de Galicia aos salóns, nun momento no que os nacionalismos culturais percorrían Europa. Esta procura da identidade galega estendeuse tamén a outras obras da súa produción.
A lingua galega, como elemento identitario, aparece por primeira vez de maneira integral na música académica nos Cantares viejos y nuevos e en Mondariz, e tamén en momentos puntuais da zarzuela Pedro Madruga e da ópera Ynes è Bianca.
A combinación destes elementos que definen «o galego», adaptados ás características de cada xénero musical, constitúe unha proposta innovadora que sitúa a Marcial del Adalid como un dos precursores do camiño que seguirían autores posteriores como Pascual Veiga, Juan Montes ou José Baldomir.
O seu legado musical foi doado pola súa filla á Real Academia Galega, onde está dispoñible para o estudo da comunidade investigadora e para a (re)interpretación da súa música. Parte deste legado pode consultarse tamén en acceso aberto:
marcialdeladalid.academia.gal
Para celebrar o bicentenario do seu nacemento, a Biblioteca de Estudos Locais organiza unha pequena mostra bibliográfica sobre este gran músico coruñés.
📍 Biblioteca de Estudos Locais
Rúa Durán Loriga, 10, 1º
📅 Do 24 de agosto ao 4 de setembro de 2026