19/06/2026
CORREDOIRA ACOLLE A SÚA 47ª FESTA DO REQUEIXO
O alcalde de Cerdedo Cotobade, Jorge Cubela, o tenente de alcalde, Fernando Vázquez, e a concelleira Galiza Aguete participaron na 47ª edición da Festa do Requeixo de Corredoira, amosando así o respaldo do Goberno municipal a unha das celebracións gastronómicas e tradicionais máis emblemáticas do concello.
Os representantes municipais acompañaron á organización e aos numerosos veciños e visitantes que se achegaron ata Corredoira para desfrutar dunha xornada de exaltación deste produto típico, que constitúe unha das señas de identidade da parroquia e un importante reclamo para a promoción cultural e turística do municipio.
Durante a visita, os membros do Goberno local destacaron o valor desta festa, que ao longo de case medio século contribuíu a preservar as tradicións locais, poñer en valor o traballo dos produtores e dinamizar a vida social e económica da contorna.
O alcalde e os concelleiros do grupo de goberno felicitaron á organización, aos colaboradores e a todas as persoas implicadas no éxito desta nova edición, agradecendo o seu esforzo por manter viva unha celebración que forma parte do patrimonio cultural e gastronómico do municipio.