Desde a súa fundación en 1985, a nosa organización creceu, gañando cada vez máis influencia e sendo vista por centos de miles de mozos e traballadores con simpatía e respecto. Isto foi grazas a uns fortes principios e ideas que sempre nos caracterizaron. O que vas ler a continuación son os nosos principais acenos de identidade. A falta de igualdade na educación que recibimos os mozos en función da
nosa extracción social reproduce no sistema educativo a división social en que se basea o sistema capitalista. O Sindicato de Estudantes (SE) é unha organización fundamentalmente de fillos de traballadores porque somos os que sufrimos unha educación en malas condicións. Os fillos dos capitalistas non teñen os nosos problemas. Eles poden estudar en caros colexios de pago; en clases de dez, cos mellores profesores e as mellores instalacións; poden aprender inglés no estranxeiro e logo estudar unha carreira nunha universidade privada (con matrícula mínima de tres ou catro mil euros), e ao terminar redondear a factura cos miles de euros que vale un master. O seu futuro, loxicamente, está asegurado. En cambio, que educación recibimos a inmensa maioría? Masificación, falta de instalacións, falta de bolsas, etc. Compaxinar estudos con traballos de miseria nos que somos explotados para tentar seguir estudando despois do ensino obrigatorio. Ningunha facilidade para ter uns estudos decentes e un futuro digno, senón todo o contrario. Hoxe en día a educación convértese nunha auténtica carreira de obstáculos. Isto é así porque a burguesía non necesita dunha educación de calidade para os que, cando deixemos de estudar, imos estar no paro ou, no mellor dos casos, en traballos temporais e sen cualificación nin futuro. Isto explica a presión para que só se invista o estritamente necesario como para darnos a formación básica e converternos na man de obra que eles necesitan en cada momento. Cando, como pasa agora, para as necesidades dos grandes empresarios hai demasiados universitarios, provocando que decenas de miles de licenciados estean no paro, estes mesmos empresarios e banqueiros presionan para que se reduzan os gastos en educación, pechándonos con iso a última posibilidade que podemos ter de recibir unha cualificación necesaria como para aspirar a un posto de traballo digno. Na medida na que, como os feitos demostran, só con palabras e reunións non se solucionan os problemas, faise necesaria a presión, en última instancia, da mobilización na rúa. O SE é un instrumento para promovela e organizala, estendéndoa o máis posible, tanto a estudantes do máximo de institutos e facultades como aos outros sectores educativos (pais, profesores e persoal non docente) e, mesmo, aos traballadores. Esta é a razón de que o Sindicato teña dimensión estatal: dános a forza necesaria para responder, non só aos ataques do goberno central e dos autonómicos, senón tamén aos ataques concretos de xuntas directivas en institutos ou facultades. O SE resposta como unha soa persoa a calquera agresión aos nosos dereitos, déase onde se dea, e para iso aproveita a forza que nos dá o ser miles de estudantes organizados e coordinados dunha punta a outra do Estado. Si, por exemplo, un instituto está en conflito por un problema concreto, o SE informará desa loita o máis amplamente posible a outros institutos e a outras zonas para así tamén lograr un maior apoio á loita do centro en cuestión. A existencia dunha organización estudantil de loita implantada en todo o Estado aumenta a forza e as posibilidades de vitoria nas nosas reivindicacións. Este feito demóstrao a propia historia do SE.