06/06/2026
A Illa de Arousa celebra a cuarta edición dos Cantos de Taberna este sábado 6 de xuño de 2026.
A Asociación Cultural Deportiva Dorna, coa colaboración do Concello da Illa de Arousa, organiza o próximo 6 de xuño de 2026 a cuarta edición dos Cantos de Taberna, unha cita que xa se consolida como unha das actividades culturais máis participativas e representativas da vila.
O evento nace co obxectivo de preservar, difundir e poñer en valor a música tradicional galega, levando o canto popular ás rúas e aos establecementos hostaleiros da Arousa nun ambiente festivo, respectuoso e aberto a toda a veciñanza e ás persoas visitantes. Trátase dunha iniciativa de dinamización cultural e promoción económica, que contribúe a impulsar a actividade dos locais participantes ao tempo que reforza o coñecemento e a transmisión do noso patrimonio inmaterial.
Ao longo da xornada, diferentes agrupacións folclóricas percorrerán as tabernas colaboradoras interpretando música e letras tradicionais en directo, recuperando a esencia dos antigos cantos populares e fomentando a participación colectiva. Todo isto desenvolverase nun horario pensado para todos os públicos e co máximo respecto á convivencia, sen ánimo de molestar a ninguén e co único propósito de g***r da nosa cultura, compartir tradicións e fortalecer a vida social da vila.
Nesta edición participarán as agrupacións:
Os Firrás (O Grove)
Os Ministreles (Monforte)
Os Muiñeiros do Sarela (Santiago)
De Cotío (A Estrada)
Lusco e Fusco (Illa de Arousa)
Macizas Centrais (Pobra de Trives)
Son do Peto (Campo Lameiro)
Saljariteiros (Marín)
Son da Illa (Illa de Arousa)
Os grupos actuarán nas seguintes tabernas colaboradoras:
Bar Club
Bar Cachopo
Bar O Porto
Bar Fina Viñas
Os Barrales
Bar Saratoga
O Regueiro
Rúa Lounge
O Tropicana
O Kapitol
O Benalúa
O programa da xornada comezará ás 19:30 horas coa xuntanza dos grupos na Praza do Regueiro. Ás 20:00 horas iniciarase o percorrido polas distintas tabernas participantes. Ás 23:00 horas terá lugar o encontro de todas as agrupacións na rúa Con do Moucho, rematando ás 23:45 horas cun canto colectivo das pezas O Carro e Finisterre, para dar paso posteriormente á foliada libre.
Desde a organización quérese facer un chamamento a toda a veciñanza e ás persoas que visiten A Illa de Arousa esa fin de semana para que se sumen a esta celebración da cultura popular galega. Os Cantos de Taberna son unha oportunidade única para compartir música, baile e tradición nun ambiente cordial e inclusivo, onde todo o mundo é benvido, contribuíndo entre todas e todos a manter vivo un legado cultural que forma parte da nosa identidade.
A ACD Dorna e o Concello da Illa de Arousa agradecen a colaboración das agrupacións participantes, das tabernas colaboradoras e de todas as persoas que fan posible unha iniciativa que aposta pola cultura de base, a convivencia e a dinamización social e económica da vila.