23/11/2025
Por que ICOMOS-España di que nas intervencións no Carril das Flores incúmprense determinacións fundamentais?
A Lista do Patrimonio Mundial da UNESCO, con bens cun valor universal excepcional, inclúe a Muralla de Lugo e o Camiño Primitivo de Santiago. Pero unha vez inscrito o ben na lista, hai que cumprir una serie de condicións de cara a UNESCO que demostren que se garante a súa boa conservación.
ICOMOS é una organización internacional asociada á UNESCO. No ano 2021, a súa sede en España emitiu un informe ao respecto da intervención que se pretendía facer no Carril das Flores e na esquina da Ronda da Muralla coa rúa San Roque, modificando o PEPRI. Ese informe foi solicitado polas delegacións en Lugo de ADEGA, do COAG, e Amigos do Patrimonio de Castroverde. Nese documento analízanse os informes previos emitidos pola entidade en 2017 sobre a citada intervención. Ao respecto deles, di que "“El informe de ICOMOS-España es positivo por su necesidad de actuación y tendrá el carácter de “favorable” si el documento que se apruebe definitivamente recoge las consideraciones indicadas." Ese informe remitiuse ao Concello no seu momento e volveuse remitir agora.
O problema é que o documento definitivo, aprobado en xaneiro de 2019, non foi sometido a exame e análise por parte de ICOMOS-España.
Tampouco foron sometidas a estudo e análise por parte de ICOMOS as intervencións realizadas despois, en 2021/2022, comprendidas no proxecto de urbanización. Nin tampouco as que se pretenden realizar agora.
Neste outubro de 2025, ICOMOS-España explicou nun novo informe, redactado a petición desta Plataforma, cal é o protocolo a seguir nas intervencións sobre bens inscritos na lista do patrimonio Mundial. Especifica que as avaliacións de impacto patrimonial inícianse no mesmo instante en que se considere calquera intervención que poida afectar ao Patrimonio Mundial, e que son procesos continuos no tempo ao longo de tres fases: inicial, de desenvolvemento, e final na que actuación se considera finalizada.
Deste xeito, enténdese por que ICOMOS-España resolve no novo informe que neste caso incumpríronse determinacións de carácter procedemental fundamentais.
Por iso, nun novo escrito, instamos ao Concello de Lugo a que tome en serio a protección dos bens incluídos na lista do Patrimonio Mundial, que ademais no caso de Lugo son extensos no seu territorio.