11/04/2026
Por fin tivemos pleno!
O pasado xoves día 9, logo de varios meses pospondo as xuntanzas ordinarias alegando dende a alcaldía motivos diversos, por fin tivemos plano no Concello de Maceda.
Neste pleno, o Grupo Municipal do BNG presentou un par de mocións; unha relacionada coas mobilizacións agrarias contra o tratado do Mercosur; a outra en defensa da paz, en contra do militarismo e para frear as consecuencias da guerra no Irán.
Consideramos de vital importancia na nosa comarca o apoio ás reivindicacións do sector agrogandeiro galego e macedán. Lembrade que fai só un par de semanas xa organizamos un parladoiro sobre os perigos do Mercosur para o rural galego. É por todo isto que queremos facervos partícipes desta loita, deixando aquí a nosa moción para que poidades unirvos e apoiala.
Finalmente temos que comentar tamén que non nos sorprendeu que o resto de grupos municipais, PSOE e PP, votaran a favor da moción. Alegrámonos de que así fose, e de que defendan dende o ámbito local o agro, tan importante para o noso Concello. O que non entendemos é a falta de coherencia dos seus partidos noutras alturas, votando unha cousa aquí e outra alá, dando mostra daquilo que dicían os nosos vellos de ir cos da feira e volver cos do mercado...