11/05/2026
BANDO INFORMATIVO DA LIMPEZA DA FAIXAS SECUNDARIAS
Publicouse bando recordando como deben estar as nosas fincas á data de 31 de maio e que textualmente di:
"Que as persoas propietarias, arrendatarias, usufrutuarias ou responsables das parcelas situadas nas faixas secundarias de protección, deberán proceder á xestión da biomasa vexetal antes do 31 de maio de cada ano, non podendo existir especies arbóreas como eucalipto, pino ou acacia e debendo estar rozados anualmente antes da finalización do mes de maio (artigos 21 e 22 da Lei 3/2007, do 9 de abril, de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia).
Que, segundo os artigos 6 e 7 da Ordenanza municipal reguladora da limpeza de terreos e solares en solo urbano, solo non urbanizable de núcleo rural e solo non urbanizable de área de tolerancia exterior a núcleo o Concello de O Valadouro, os propietarios e demais obrigados ao cumprimento da citada ordenanza deberán manter as parcelas e térreos afectados debidamente rozados con eliminación da capa vexetal e daqueles materiais inflamables ou susceptibles de provocar incendios, velando pola recollida e debida xestión da biomasa vexetal, debendo, asímesmo, os propietarios de solo urbano consolidado, de solo non urbanizable de núcleo rural e de solo non urbanizable de área de tolerancia exterior a núcleo, mantelos, de forma permanente convenientemente desratizados e desinfectado a fin de evitar eventuais problemas para a salubridade pública da poboación que ocupe as vivendas lindeiras.
Os solares e parcelas deberán estar perfectamente limpos, desprovistos de calquera tipo de residuos ou vexetación espontánea, sen ningún resto orgánico ou mineral que poida alimentar ou albergar animais ou plantas portadores ou transmisores de enfermidades ou producir malos olores.
Igualmente, protexeranse ou eliminaranse os pozos ou desniveis que nel exista e que poidan ser causa de accidente. A xestión da biomasa xerada a resultas das anteriores tarefas de limpeza levarase a cabo segundo os criterios establecido no artigo 11 da presente ordenanza.
As obrigas descritas enténdense esixibles de forma permanente en solo urbano. Os demais solos deberán ser convenientemente rozados, limpados e xestionada a biomasa vexetal existente nos mesmos, conforme ao disposto no punto anterior, antes do día 1 de xuño de cada ano, debendo de mantelas rozadas ao longo de todo o período estival.
Chegada esta data, o Concello poderá verificar o cumprimento da devandita obriga, procedendo a impoñer, en caso de incumprimento, as sancións oportunas de conformidade co establecido no réxime sancionador da presente ordenanza, así como á aprobación de ordes de execución que se poderán facer efectivas, en caso de incumprimento voluntario por parte do responsable no prazo indicado a tales efectos, mediante a imposición de multas coercitivas ou recorrendo á súa execución subsidiaria."