13/04/2026
📚 A Biblioteca Pública Municipal de Ribadavia promove o “Marcapáxinas Solidario” xunto a Save the Children
A Biblioteca Pública Municipal de Ribadavia pon en marcha unha nova actividade de fomento da lectura cun marcado carácter social e solidario. En colaboración con Save the Children, desenvolverase o “Marcapáxinas Solidario”, unha proposta dirixida a nenos e nenas acompañados das súas familias que combina literatura, creatividade e conciencia social.
A actividade estrutúrase en dúas partes: un pequeno contacontos e un obradoiro de elaboración de marcapáxinas. A través destas dinámicas, preténdese non só achegar aos máis pequenos ao mundo dos libros, senón tamén abrir un espazo de reflexión adaptado á súa idade sobre a realidade que viven milleiros de nenos e nenas en distintas partes do mundo.
Nun contexto internacional marcado por conflitos bélicos continuos, moitas familias vense obrigadas a abandonar os seus fogares, e a infancia é, unha vez máis, a máis prexudicada. A guerra empurra a moitos nenos á pobreza extrema e á fame, privándoos de dereitos básicos como a alimentación, a educación ou a seguridade. Resulta especialmente necesario facer visible esta situación, mesmo —e sobre todo— entre os máis novos, que medran nunha realidade moi diferente.
Dende a biblioteca considérase fundamental que, ademais de fomentar o hábito lector, se promovan valores como a empatía, a solidariedade e o compromiso social. Esta actividade busca precisamente iso: que as familias comprendan que, aínda no século XXI e nun mundo con sobreprodución alimentaria, existen nenos que pasan fame por causas alleas á súa vontade.
Para participar no “Marcapáxinas Solidario” será necesario inscribirse previamente na biblioteca, xa que as prazas son limitadas. Organizaranse sesións reducidas de 12 nenos e nenas por grupo, co fin de garantir unha experiencia próxima e de calidade.
A participación implica unha achega económica voluntaria. Cada contribución será rexistrada co nome da persoa participante e enviada a Save the Children, co obxectivo de colaborar na produción de pasta de cacahuete terapéutica, un alimento altamente nutritivo que xa salvou a vida de milleiros de nenos e nenas en África e en zonas afectadas por conflitos bélicos.
Dende a Biblioteca Pública Municipal de Ribadavia anímase a todas as familias a participar nesta iniciativa, que demostra que pequenos xestos poden ter un impacto enorme. Ler, crear e compartir tamén pode ser unha forma de cambiar o mundo.
Concello de Ribadavia