19/03/2026
Comparto o meu articulo de opinión que estes días foi publicada nos medios , pero que en realidade é tamén unha reflexión moi persoal sobre como entendo a política municipal.
Creo nunha política que se constrúe desde abaixo, coa xente, escoitando, coñecendo de preto os problemas reais e actuando para dar respostas. Porque quen queira ser alcalde do seu concello ten que ter claro que a boa política non se fai desde a distancia nin desde un despacho, senón ao carón da veciñanza.
A política municipal debería ser sempre a máis próxima á xente. Non debería tratarse de grandes discursos nin de promesas baleiras, senón de algo moito máis sinxelo: escoitar, entender e actuar.
Nos últimos tres anos como concelleiro de Somos Ribadumia tiven a oportunidade de falar con moitos veciños e veciñas do noso concello. Reunións con asociacións, colectivos e persoas que simplemente querían trasladar unha preocupación ou un problema do seu día a día. Desa experiencia saquei unha conclusión moi clara: Ribadumia ten moito potencial, pero tamén moitas cousas que mellorar.
A política local non pode facerse só desde un despacho. Ten que facerse camiñando polas parroquias, falando coa xente e coñecendo de primeira man o que pasa no municipio. Ese foi o camiño que tentei seguir durante este tempo e que, ao meu entender, debería marcar o futuro do noso proxecto político.
Precisamente por ese motivo, na recente asemblea de Somos Ribadumia propuxen abrir unha nova etapa para a nosa formación. Unha etapa na que poidamos transformar todo ese traballo de escoita nun programa político renovado, máis claro e centrado nos problemas actuais da veciñanza.
Porque escoitar é fundamental, pero non chega. A política tamén ten que ser capaz de propoñer solucións e de construír un proxecto de futuro.
Despois de tres anos coñecendo mellor o funcionamento do concello e as necesidades de Ribadumia, decidín tamén dar un paso máis e poñerme á disposición da veciñanza como posible candidato á alcaldía nas próximas eleccións municipais. Non como unha decisión persoal illada, senón como parte dun proceso que deberá analizar e valorar a propia organización.
Creo sinceramente que Ribadumia merece un proxecto político que nazca da xente e que volva á xente en forma de solucións.
Se algo aprendín nestes anos é que a política municipal só ten sentido cando serve para mellorar a vida dos veciños e veciñas. Ese é, e seguirá sendo, o noso obxectivo.
Porque o futuro de Ribadumia non se constrúe desde arriba. Constrúese escoitando.
Escoitar para construír o futuro