11/06/2026
O PAI de Sandiás abre un espazo de xogo sensorial para bebés e familias 🧩
O Punto de Atención á Infancia (PAI) do Concello de Sandiás acolleu o pasado venres, 5 de xuño, ás 17.30 horas, unha sesión de Instalacións Pedagóxicas de Xogo, unha proposta educativa e sensorial dirixida a nenos e nenas de entre 6 meses e 2 anos acompañados das súas familias. A actividade estivo guiada por Getsemaní Valenzuela.
A iniciativa busca crear un espazo de relación, creatividade e exploración a través do xogo libre, ofrecendo aos máis pequenos a oportunidade de descubrir e interactuar co seu entorno ao seu propio ritmo. Para iso, habilitouse unha contorna lúdica coidadosamente deseñada no chan, empregando materiais libres e variados sen un uso fixo determinado.
Flotadores, caixas, vasos, esponxas, teas, aneis, pezas de madeira e outros obxectos cotiáns converteranse en ferramentas de descubrimento e aprendizaxe. Estes materiais, coñecidos como pezas soltas, permiten aos bebés experimentar con diferentes texturas, pesos, formas e volumes, favorecendo o desenvolvemento da creatividade, da coordinación motriz e da autonomía.
A proposta afástase dos xoguetes comerciais e das actividades dirixidas para apostar por un modelo baseado na exploración espontánea e no descubrimento sensorial. Nun ambiente seguro e acolledor, os nenos e nenas poderán interactuar libremente tanto cos materiais como entre eles, fortalecendo tamén os vínculos familiares e sociais.
As Instalacións Pedagóxicas de Xogo constitúen, ademais, un punto de encontro para as familias, que teñen a oportunidade de acompañar e observar os procesos de aprendizaxe dos seus fillos e fillas nun contexto de respecto polos seus tempos e intereses.
Con esta actividade, o PAI de Sandiás reafirma o seu compromiso coa educación na primeira infancia, promovendo experiencias que estimulan a curiosidade natural dos bebés e favorecen o seu desenvolvemento integral a través do xogo.