27/07/2026
Hoxe estivemos no inicio dos traballos de exhumación da fosa común do Cemiterio Civil de Salvaterra de Miño, unha actuación que busca localizar os restos de Bernardo Bernárdez Martínez, veciño de Alxén; de Delfín Rey Sánchez, das Neves; e dunha terceira persoa de filiación descoñecida, asasinadas en 1936.
A intervención é realizada por Breogán Arqueoloxía, coa participación de Fernando Serrulla, médico forense do Imelga e especialista en identificación forense, e conta co financiamento do VI Plan de Recuperación da Memoria Democrática 2025-2026 da FEMP.
Este mércores cúmprense 90 anos do asasinato de Bernardo Bernárdez Martínez, unha data que dá aínda máis significado a este paso na recuperación da Memoria Democrática.
O noso recoñecemento ás familias, á Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica do Baixo Miño, O Condado e A Louriña, aos compañeiros Anxo López Méndez e Antón Lorenzo González, e a todas as persoas que, co seu compromiso, fixeron posíbel este proceso.
Desde o BNG reafirmamos o noso compromiso coa memoria, a verdade, a xustiza e a reparación. Recuperar a dignidade das vítimas é tamén defender a nosa democracia.
Nunca máis o esquecemento.