17/05/2026
O Grupo Socialista de Teo quere amosar de novo a súa preocupación tras coñecerse os últimos datos do padrón municipal, que reflicten a perda de preto de cen veciños e veciñas no noso concello.
Neste sentido, o artigo ao que facemos referencia do "El Correo Gallego" recolle esta evolución demográfica e pon de manifesto a realidade de perda de poboación en varias localidades da comarca, destacando que Teo presenta o peor dato , o que reforza a necesidade de actuar con urxencia para frear esta dinámica.
Consideramos que este descenso de poboación é consecuencia directa da falta de aposta polos servizos públicos esenciais.
Nos últimos meses, medra a inquietude arredor de cuestións clave como a educación, a conciliación e os servizos básicos. O peche do comedor escolar do CEIP da Ramallosa, recollido recentemente nos medios de comunicación, xerou unha forte alarma social entre as familias e puxo de manifesto a falta de planificación ante necesidades fundamentais.
Ao mesmo tempo, os centros educativos continúan saturados, como o IES de Cacheiras, sen que se adopten medidas reais para aliviar esta situación. No ámbito sanitario, o centro de saúde da Ramallosa segue sen executarse tras anos de anuncios, mentres a atención primaria continúa a deteriorarse.
A isto súmase a preocupación polo proxecto da planta de residuos en Cacheiras, sobre o que o Grupo Socialista vén de solicitar no Parlamento a súa paralización e avaliación, ante o impacto e a incerteza que xera no municipio.
Engádese tamén a falta de planificación urbanística, cun crecemento baseado na vivenda dispersa e en actuacións puntuais que poden resolver necesidades inmediatas, pero que non responden a un modelo de desenvolvemento ordenado nin sostible que garanta servizos e calidade de vida a medio e longo prazo.
Por todo isto, consideramos que o goberno local do PP prioriza a imaxe fronte á execución de proxectos reais. Asfaltar estradas pode mellorar a percepción dun concello, pero non resolve os problemas de fondo. Tampouco o fan as fotos nin as visitas institucionais se non van acompañadas de investimentos executados.
O que realmente fixa poboación é contar con servizos sanitarios dignos, centros educativos suficientes, políticas de conciliación e unha administración eficaz.
*Teo precisa unha estratexia real de futuro baseada en feitos e non en anuncios* . Porque as fotos duran un día, pero os servizos públicos e os proxectos executados son os que determinan o futuro dun municipio.
Ames y Carballo lideran el crecimiento en el entorno compostelano